A razón principal para sumarse ao cambio no modelo de consumo é mudar a maneira na que producimos e cambiar a nosa relación coa terra e coas persoas. Móvenos a idea do consumo consciente, que resumimos en «consumir menos, consumir sen mercar e mercar con criterio».
Entendemos que os nosos actos de compra contribúen a modelar o mundo no que vivimos; aínda que o consumo consciente ou responsable non chega por si mesmo para transformar en positivo a sociedade na que vivimos, si pode ser unha axuda para avanzar nese sentido.
Alimentos de calidade: produtos ecolóxicos, locais, de tempada e de comercio xusto para todas as persoas
O poder do colectivo: cantas máis persoas socias, maior capacidade de cambio
Unha persoa, un voto: a esencia do cooperativismo e dun proxecto democrático e participativo
Descontos para persoas socias: co obxectivo de facilitar o acceso a produtos de calidade a un prezo o máis accesible posible
Por que facerme socia de Árbore?
- 1
Infórmate: participar nunha cooperativa significa entender os seus estatutos, valores, deberes e dereitos. É importante que comprendas a visión e a misión de Árbore (máis abaixo podes descargar os Estatutos e o Regulamento de Réxime Interno da cooperativa; ademais, tes máis información no apartado Nós deste sitio web).
- 2
Enche o formulario: pedirémoste algunha información de carácter persoal (nome, enderezo de correo electrónico e número de teléfono) para contactar contigo e ter ocasión de coñecerte mellor e responder a calquera dúbida adicional que poidas ter.
- 3
Fai a túa achega ao capital social: como en calquera cooperativa, o teu rexistro como persoa socia comeza coa adquisición dunha participación no capital social, que che fai coproprietaria de Árbore e implica unha serie de dereitos e obrigas. Unha vez aprobada a túa solicitude, terás que pagar 90 € para formalizar a túa incorporación como socia.
Como facerme socia?
Cota mensual: para acceder aos descontos que mencionamos a continuación, as socias achegan unha cota de 6 € ao mes (72 €/ano).
Descontos: as persoas socias poden mercar en Árbore cun desconto a respecto dos prezos para o público xeral. Na última asemblea de 2023, actualizáronse os tipos de descontos:
- Un desconto xeral do 5 %
- Un desconto do 12 % nos produtos da cesta básica (inclúe todo o fresco local)
Deberes das socias: o teu compromiso con Árbore consiste en cumprir coas achegas mencionadas máis arriba, consumir cando menos 100 € ao ano na tenda e asistir ás asembleas xerais.
Dereitos das socias: ademais de acceder aos descontos, polo feito de ser socia tes voz e voto nas asembleas, podes participar nos órganos internos da cooperativa e podes ser elixida para ocupar cargos sociais.